Madrigal á cibdá de Santiago Chove en Santiago meu doce amor. Camelia branca do ar brila entebrecida ô sol. Chove en Santiago na noite escrura. Herbas de prata e de sono cobren a valeira lúa. Olla a choiva pola rúa, laio de pedra e cristal. Olla o vento esvaído soma e cinza do teu mar. Soma e cinza do teu mar Santiago, lonxe do sol. Agoa da mañán anterga trema no meu corazón. Índice... ...Siguiente |
Romaxe de Nosa Señora da Barca ¡Ay ruada, ruada, ruada da Virxen pequena e a súa barca! A Virxen era pequena e a súa coroa de prata. Marelos os catro bois que no seu carro a levaban. Pombas de vidro traguían a choiva pol-a montana. Mortos e mortos de néboa pol-as congostroas chegaban. ¡Virxen, deixa a túa cariña nos doces ollos das vacas e leva sobr'o teu manto as foles da amortallada! Pol-a testa de Galicia xa ven salaiando a i-alba. A Virxen mira pra o mar dend'a porta da súa casa. ¡Ay ruada, ruada, ruada da Virxen pequena e a súa barca! |
Cantiga do neno da tenda Bos aires ten unha gaita sobre do Río da Prata que a toca o vento do norde coa súa gris boca mollada. ¡Triste Ramón de Sismundi! Aló, na rúa Esmeralda, basoira que te basoira polvo d'estantes e caixas. Ao longo das rúas infindas os galegos paseiaban soñando un val imposíbel na verde riba da pampa. ¡Triste Ramón de Sismundi! Sinteu a muiñeira d'ágoa mentres sete bois de lúa pacían na súa lembranza. Foise pra veira do río, veira do Río da Prata Sauces e cabalos núos creban o vidro das ágoas. Non atopou o xemido malencónico da gaita, non viu o inmenso gaiteiro coa frolida d'alas: triste Ramón de Sismundi, veira do Río da Prata, viu na tarde amortecida bermello muro de lama. |
Noiturnio do adoescente morto Imos silandeiros orela do vado pra ver ô adolescente afogado. Imos silandeiros veiriña do ar, antes que ise río o leve pro mar. Súa i-alma choraba, ferida e pequena embaixo os arumes de pinos e d'herbas. Agoa despenada baixaba da lúa cobrindo de lirios a montana núa. O vento deixaba camelias de soma na lumieira murcha da súa triste boca. ¡Vinde mozos loiros do monte e do prado pra ver o adoescente afogado! ¡Vinde xente escura do cume e do val antes que ise río o leve pro mar! O leve pro mar de curtiñas brancas onde van e vên vellos bois de ágoa. ¡Ay, cómo cantaban os albres do Sil sobre a verde lúa, coma un tamboril! ¡Mozos, imos, vinde, aixiña, chegar porque xa ise río m'o leva pra o mar! |
Canzón de cuna pra Rosalía Castro, morta ¡Érguete, miña amiga, que xa cantan os galos do día! ¡Érguete, miña amada, porque o vento muxe, coma unha vaca! Os arados van e vén dende Santiago a Belén. Dende Belén a Santiago un anxo ven en un barco. Un barco de prata fina que trai a door de Galicia. Galicia deitada e queda transida de tristes herbas. Herbas que cobren teu leito e a negra fonte dos teus cabelos. Cabelos que van ao mar onde as nubens teñen seu nidio pombal. ¡Érguete, miña amiga, que xa cantan os galos do día! ¡Érguete, miña amada, porque o vento muxe, coma unha vaca! |
¡Fita aquel branco galán, olla seu transido corpo! É a lúa que baila na Quintana dos mortos. Fita seu corpo transido negro de somas e lobos. Nai: a lúa está bailando na Quintana dos mortos. ¿Quén fire potro de pedra na mesma porta do sono? ¡É a lúa! ¡É a lúa na Quintana dos mortos! ¿Quen fita meus grises vidros cheos de nubens seus ollos? ¡É a lúa! ¡É a lúa na Quintana dos mortos! Déixame morrer no leito soñando con froles d'ouro. Nai: a lúa está bailando na Quintana dos mortos. |