Actualidade


Vigo, 3 de novembro de 2007

O martes 6 de novembro en Vigo ás 20:30 horas
Galiza Sempre homenaxea a Fernando Hoyos, xesuita vigués morto en Guatemala en 1982

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Fernando Hoyos; clic para aumentar
Fernando Hoyos naceu en Vigo en 1943. Ordenouse xesuíta en 1960 e realizou estudos de Humanidades, Filosofía e Teoloxía en Universidades de Salamanca, Munich, Lovaina e Madrid. Formado na Teoloxía da liberación, chegou a Guatemala a comezos dos anos 70 implicándose decididamente na solidariedade cun pobo privado de dereitos, masacrado polo Exército en medio dunha pobreza e desigualdade extremas.
 
O Paraninfo do antigo Reitorado da Universidade, na rúa Areal de Vigo, será o escenario do acto de homenaxe a Fernando Hoyos que, organizado pola Fundación Galiza Sempre, terá lugar o martes 6 de novembro ás 20:30 horas e no que intervirán Santiago Domínguez, tenente de alcalde do Concello de Vigo, Gustavo Luca de Tena, xornalista, e Enrique Corral, director da Fundación Guillermo Toriello (Guatemala).

Fernando Hoyos naceu en Vigo en 1943. Ordenouse xesuíta en 1960 e realizou estudos de Humanidades, Filosofía e Teoloxía en Universidades de Salamanca, Munich, Lovaina e Madrid. Formado na Teoloxía da liberación, chegou a Guatemala a comezos dos anos 70 implicándose decididamente na solidariedade cun pobo privado de dereitos, masacrado polo Exército en medio dunha pobreza e desigualdade extremas. O seu labor social e educativo deixou unha fonda pegada no país centroamericano. Acabou por se integrar no Exército Guerrilleiro dos Pobres (EGP) e morreu nun enfrontamento armado en xullo de 1982 sen que o seu corpo teña aparecido.


Fundación Guillermo Toriello

Ao se cumprir 25 anos da súa desaparición, a Fundación Guillermo Toriello traballa por dignificar publicamente a súa traxectoria, aclarar as circunstancias da súa morte e recuperar os seus restos.

A Fundación Galiza Sempre a través deste acto desexa “que o recoñecemento deste galego internacionalista sirva hoxe tamén para impulsar onde nós a solidariedade cos pobos de Guatemala”.

A Fundación Guillermo Toriello (FGT) foi creada polos Acordos de Paz de 1996. A súa misión inicial foi a reinserción dos guerrilleiros de URNG (Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca) á vida legal. Promove a participación e o exercicio de cidadanía, especialmente das mulleres e dos Pobos Indíxenas de Guatemala; desenvolve proxectos e accións para mellorar a calidade de vida da poboación por medio de programas de desenvolvemento local, vivenda, acceso á terra e desenvolvemento rural.

No seu mandato ten a responsabilidade de busca, localización, exhumación e dignificación da memoria dos caídos durante o conflito. Leva o nome de Guillermo Toriello, unha figura histórica en Guatemala, defensor da soberanía e o desenvolvemento nacional nos momentos de maior agresión imperialista.


Enrique Corral Alonso

Compañeiro de estudos e de militancia de Fernando Hoyos, é fundador e director xeral da FGT. Participou no proceso de Negociación e nas Comisións dos Acordos de Paz. Actualmente é delegado de URNG ao Consello Nacional de Acordos de Paz, entidade estatal integrada polas representacións da sociedade civil, partidos políticos, asinantes dos Acordos de Paz e entidades do Poder lexislativo, executivo e xudicial. Coordinador do Traballo de Rexistro, Procura, Exhumación e Dignificación da Memoria dos excombatentes durante o conflito armado en Guatemala.


Entrevistas e encontros

A visita a Galiza de Enrique Corral propicia a realización deste acto que pretende servir tamén de impulso para a solidariedade galega cos pobos de Guatemala. Con ese obxectivo, está previsto un programa de entrevistas que inclúen, entre outras, ás Consellerías de Vivenda e Medio Rural, o Parlamento galego, a Coordinadora Galega de ONGDs e o Concello de Allariz, que aproveitará o encontro para facer entrega da axuda outorgada ao proxecto “Onde estás Fernando Hoyos?”, co que a Fundación Guillermo Toriello traballa por dignificar publicamente a súa traxectoria, aclarar as circunstancias da súa morte e recuperar os seus restos, ao se cumpriren 25 anos da súa desaparición.

Nesta viaxe Enrique Corral tamén terá a oportunidade de encontrarse e entrevistarse cunha delegación da CIG, para falar e debater da actual situación de Guatemala, así como coñecer máis de preto a historia do vigués Fernando Hoyos.

 


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 03/11/2007
cig.informatica


 

web-espello en www.galizacig.org
e
www.galizacig.net (mirrors)


Para estar ao día da actualidade sindical en Galiza, subscríbete á lista de correo da CIG e recibe puntual notificación das
novas informacións, artigos, documentos, publicacións, convenios colectivos... que ofrece a CIG na sua páxina web galizacig.com.

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/galizacig/alta