09/11/2007
Fernando Hoyos, exemplo de solidariedade internacionalista
GALIZA SEMPRE LEMBRA AO XESUITA VIGUÉS MORTO EN GUATEMALA EN 1982
O Paraninfo do antigo Reitorado da Universidade, no Areal de Vigo, foi
o escenario do acto de homenaxe e recoñecemento a Fernando Hoyos que,
organizado pola Fundación Galiza Sempre, tivo lugar o martes 6 de
novembro coa participación de Santiago Domínguez, Tenente de Alcalde do
Concello de Vigo, Gustavo Luca de Tena, Xornalista e Enrique Corral,
Director da Fundación Guillermo Toriello (Guatemala).
Fernando Hoyos naceu en Vigo en 1943. Ordenouse xesuita en 1960 e
realizou estudos de Humanidades, Filosofía e Teoloxía en Universidades
de Salamanca, Munich, Lovaina e Madrid. Formado na Teoloxía da
liberación, chegou a Guatemala a comezos dos anos 70 implicándose
decididamente na solidariedade cun pobo privado de dereitos, masacrado
polo Exército en medio dunha pobreza e desigualdade extremas. O seu
labor social e educativo deixou unha fonda pegada no país
centroamericano. Acabou por se integrar no Exército Guerrilleiro dos
Pobres (EGP) e morreu nun enfrentamento armado en xullo de 1982 sen que
o seu corpo teña aparecido.
A visita a Galiza de Enrique Corral, compañeiro de estudos e de
militancia de Fernando Hoyos e Delegado de URNG ao Consello Nacional de
Acordos de Paz, propiciou tamén a realización doutras actividades de
impulso da solidariedade galega cos pobos de Guatemala. Con ese
obxectivo, celebráronse, entre outras, entrevistas coas Consellerías de
Vivenda e Medio Rural, o grupo parlamentario do BNG no Parlamento
galego, a Coordinadora galega de ONGDs e o Concello de Allariz, que
fixo entrega da axuda outorgada ao proxecto “Onde estás Fernando
Hoyos?”, co que a Fundación Guillermo Toriello
www.fgtoriello.org.gt
traballa por dignificar públicamente a súa traxectoria, aclarar as
circunstancias da súa morte e recuperar os seus restos ao se cumpriren
25 anos da súa desaparición. A lembranza de Fernando Hoyos estivo
presente asimesmo nun Coloquio con estudantes da Universidade de
Santiago, organizado en colaboración con Galiza Nova, e na reunión con
comunidades cristiáns de base celebrada en Vigo.
A Fundación Guillermo Toriello (FGT) creouse polos Acordos de Paz de
1996. A súa misión inicial foi a reinserción dos guerrilleiros de URNG
(Unidade Revolucionaria Nacional Guatemalteca) á vida legal. Promove a
participación e o exercicio de cidadanía, especialmente das mulleres e
dos Pobos Indíxenas de Guatemala; desenvolve proxectos e accións que
contribuen a mellorar día a día a calidade de vida da poboación por
medio de programas de desenvolvemento local, vivenda, acceso á terra e
desenvolvemento rural. No seu mandato ten a responsabilidade de busca,
localización, exhumación e dignificación da memoria dos caídos durante
o conflito. Leva o nome de Guillermo Toriello, unha figura histórica en
Guatemala, defensor da soberanía e o desenvolvemento nacional nos
momentos de maior agresión imperialista.
"Querida Guatemala", artigo de X. Macías en Altermundo:
http://altermundo.org/portal/content/view/973/326/lang,gl_ES